Pequena introdución - sacada dos textos de Diego e Lucía -
Dons, profesores … Que teñen os artistas para facer o que fan?
Hai pouca xente verdadeiramente famosa
mundialmente, e non son famosos porque si, eles teñen eses privilexios por dúas
cousas que todos coñecemos pero que non
sempre poñemos en práctica: perseveranza e seguridade en si mesmos. Non son os
dons, nin os profesores, porque, por moito que ti sexas o mellor do mundo
pintando, se non practicas e non pos os cadros á venta non conseguirás nada; e
por moito que o profesor tire de ti e te axude, se non cres en ti e non segues
adiante cando hai obstáculos, non conseguirás as túas metas.
Un exemplo de perseveranza e seguridade en si
mesmo é Van Gogh. El vendeu moi poucos
cadros pero, aínda que ninguén llos comprara, el seguía pintando.
Sen embargo, na actualidade, os museos fanlle
xustiza xa que agora si que se lle recoñece a súa arte, pero non só a de
pintar, senón a arte de perseverar por moito que todo saia mal, de seguir
crendo en ti cando a xente cho nega, esa é a verdadeira arte de Van Gogh.
Van Gogh, un famoso pintor coñecido en todo o mundo, é o protagonista da lectura do tema 10 do noso libro de Lingua Castelá. Despois de ler esta preciosa lectura propuxéronnos que deramos a nosa opinión sobre o seu traballo e argumentaramos sobre a profesión que temos como obxectivo nun futuro cada día máis preto.
Todos, de pequenos, queriamos ser cantantes ou
futbolistas, cousa que agora, a algúnhas, nin se nos imaxina. Eu, pola miña parte, de pequena estaba
obsesionada con ser cantante. Pero a nosa inxenuidade vai pasando e decatámonos
de que hai moitos máis campos por recorrer.
Chegou o momento de deixar aquí as nosas cavilacións e os nosos soños…
Sabes quen é quen?
Eu vou falar dun tema que me gusta moito e co que gozo compartindo cos demais.
A min, o de expresar as
miñas ideas e os meus pensamentos a través do papel non é algo do que me poida
sentir orgullosa pois non teño o talento que teñen algúns dos meus compañeiros. En cambio, si que teño algo … algo
que se pode chamar talento relacionado coa arte.
Seguro que algunha vez,
algún de vós, e aínda que vos custe crelo, tamén eu, pensastes que os artistas
non fan máis que pintar, esculpir … Ao
principio eu así o cría, pero agora, dende hai un tempo, decateime de que
estaba totalmente equivocada pois os artistas: pintores, escultores,
oleiros, e incluso algúns inventores,
teñen un importante papel na historia e na sociedade pois enchen o mundo coas súas obras e fan deste mundo un lugar
moito máis alegre e vivo. É o caso, por exemplo, de Van Gogh que, a pesar das
dificultades e os problemas foi superando a maior parte deles.
Van Gogh é, ou máis ben era, un pintor ao que lle encantaba pintar porque os seus cadros saían do seu corazón. O problema era que se frustraba moito pois ninguén compraba os seus cadros. Hai que loitar polo que che gusta, porque foi a esperanza de Van Gogh a que venceu á súa frustración.
Agora imos co meu futuro. Ao principio
quería ser bombeiro, porque si; despois
profe, porque molaba; logo debuxante, porque, para a miña idade, debuxaba ben;
máis adiante algo relacionado con
consolas e videoxogos, porque me encaaaaaaaantaaaaaaaaaaaaaannnnn! E tamén
escritor, porque tamén me encanta.
Agora non sei se ser psicólogo e
filósofo. O de filósofo vén dende este sábado, cando o meu curmán maior, de 22
anos, empezou a dicir cousas que cambiarían a miña perspectiva deste mundo.
Este mundo aínda ten demasiados
secretos.
Eu, na miña opinión, de todos os traballos que hai, pintor sería unha das cousas que nin sequera tería en conta pois ten unha complicación que só algúns traballos teñen: a inspiración.
A
inspiración neste traballo é imprescindible; un cadro sen inspiración é como
unha habitación sen libros, que ven sendo o mesmo ca un corpo sen alma.
Ademais, a inspiración só che vén nalgúns momentos e, entonces, é moi
complicado facer un cadro calquera día, a calquera hora ou en calquera sitio.
Os cadros deben facerse cando esteas relaxado, tranquilo e, sobre todo, con
ganas de pintar.
Eu non sería
pintor pero si teño unha profesión en mente: traumatólogo.
Esta idea
venme dende hai pouco, de feito creo que foi hai xusto unha semana. O caso é
que estaba vendo unha serie de televisión de medicina (Centro Médico, si,
efectivamente, son así de divertido), e a miña tía, que é farmacéutica,
preguntoume se quería ser médico. Eu díxenlle que non, e que polo de agora non
tiña nada decidido e que prefería esperar un pouco máis para tomar unha
decisión. Así que a cousa quedou aí. Pero despois, no programa, mencionaron o
nome dunha enfermidade que, curiosamente a miña tía, sendo farmacéutica, non
coñecía, entonces eu expliqueillo. E aí, a miña tía quedou alucinada, e
preguntoume por que non quería ser médico ou algo parecido. Entonces, eu
díxenlle que eu son unha persoa que se ve un corte pequeniño xa se desmaia. E
foi aí cando me soltou a clave:
- ... pero non
todos os médicos se dedican a ver roturas, inflamacións, feridas, cortes …
E despois
diso, funme preguntando, por descarte, se algúns dos tipos de médico que ela me
dicía me gustaban para poder selo eu. E foi así como descubrín o que me
gustaría ter de profesión.
Van Gogh, un pintor que, a pesar de que é moi famoso, eu apenas coñezo algo da súa vida.
Unha pregunta que
moitos nos formulamos é: foille fácil a Van Gogh converterse no que foi? Puido
non selo pois a vida, naquela época, non era tan doada como agora. Ademais, a
súa xuventude, segundo conta el, foi triste, fría e estéril, e, ao mellor, iso
non lle axudou, ou quizá si … Non o sei con certeza.
Non sei moito de Van Gogh
pero podería dicir que tamén lle puido ser fácil xa que se un é afeccionado á
pintura como era el e quere facer as súas propias pinturas, pode conseguilo,
pois seguramente foi todo ese entusiasmo e ganas de poñer nun lenzo as súas
emocións o que o levou a crear obras tan magníficas como as que agora se poden
atopar no Museo Van Gogh.
A pesar de que a min tamén me
encanta debuxar, non creo que me dedique a iso no futuro. Eu soño con chegar a
ser unha boa informática; tería que estudar moito sobre ordenadores e sobre distintos métodos de
deseños de páxinas web, iso depende da categoría que escolla dentro da
informática. Tamén pensei en ser “youtuber”, para iso só tería que saber
manexar un pouco máis youtube e os diferentes programas que se utilizan para
poder subir un vídeo en boas condicións.
Non sei se o conseguirei pero, se me esforzo, poderei facer realidade
o meu soño, ou ao menos iso din todos …
A min, de maior, gustaríame ser informático pero, para iso, necesitaría un ordenador, unha pantalla, etc. Sei que é bastante difícil pero, aínda así, hai que esforzarse en conseguilo.
Tamén me gustaría ser arquitecto pero,
para poder selo, necesitaría, principalmente, que a crise se tomase unhas
vacacións.
Non digo que para Van Gogh fose fácil vivir de pintor porque conseguir que unha persoa descubra os teus cadros e que lle gusten, é un pouco complicado. Pero cando, por fin, alguén te descobre e lle gustan os teus cadros, é como se volveras a nacer.
Eu, de maior, non sei o que querería ser, pero
se me dan a opción de pagarme facendo o que máis quero, sería o home máis feliz
do mundo.
De Vincent Van Gogh sei que é pintor e que pintou “A noite estrelada”, un cadro bastante famoso.
Iso si, sei que seguro lle custou chegar a ser pintor, que tería que traballar moito e que tería que ter moito tempo para poder pintar.
Eu, de maior, aínda non sei que facer …
gústanme tantas cousas! O que é seguro é que terei que traballar.
Igual que Van Gogh conseguiu facerse un pintor famoso, eu tamén querería ter un bo traballo pero polo de agora non teño pensado ningún.
Pero o que si sei é que vou a telo,
debo telo e tereino, pois non hai cousa
que non se poida conseguir con virtudes e, sobre todo, con amabilidade.
O mellor é dedicarte a algo que che guste porque mentres que realizas ese traballo, sénteste ben. Por iso eu quero ser médica. Por suposto esa meta que me propuxen aínda non está ao meu alcance (de momento), pero tampouco o vexo imposible. O que teño que facer é, sen lugar a dúbidas, estudar.
Pero hai outra cousa que é igual de importante: saber escoitar e poder comprender ás persoas, sen que falte nunca a amabilidade e o respecto ao paciente.
O que eu quero, dende pequeniño, é ser futbolista, e, sobre todo, encantaríame xogar no meu club favorito: o Real Madrid FC. Isto non é tan doado, xa que tes que saber moito sobre os músculos e dos ósos polo tema das lesións … etc. A parte, tes que ter en conta que aos corenta anos tes que retirarte, iso implica ter que estudar unha carreira para poder seguir adiante na túa vida.
A carreira que,
por estes dous motivos (que non conseguise ser futbolista ou, no caso de
que o conseguise, para cando me
retirase) decidiría estudar, de momento, sería INEF (Instituto Nacional de
Educación Física). As razóns son:
Porque me encanta o deporte
Porque con esta carreira tería un
montón de saídas
Porque tería máis oportunidades de
cumprir o meu soño xa que tería máis coñecementos sobre o tema das lesións e
como estar en boa forma.
Isto é ao que eu quixera dedicarme
pero … que terei que facer para conseguilo? Para conseguilo, o que terei que
facer será esforzarme nos meus estudos para que, cando chegue o momento de ir á
universidade, poder escoller a carreira que me guste e así ser feliz.
Eu, de maior, quero ser médico, na especialidade de alergoloxía e, no caso de non poder selo ou cambiar de idea, estou case seguro que elixirei unha profesión relacionada coa investigación: arqueólogo, historiador, científico … Ou, de forma excepcional, como non, policía.
E para rematar déixovos unha frase de Ramana Maharshi:
“ Ninguén ten éxito sen esforzo … Os que teñen
éxito deben o seu éxito á perseveranza ”.
Cando eu era pequeno encantábame a idea de chegar a ser policía nacional porque ese é o traballo de meu pai. Pero agora penso que tamén me gustaría ser bombeiro, filósofo … Xa, xa sei que son moitos traballos pero aínda non estou moi seguro.
Eu quero ser mestra de Educación Infantil xa que me encantan os nenos pequenos. A parte disto eu son unha persoa sentimental e gustaríame ter un traballo que me faga feliz.
A profesión de pintor paréceme moi bonita. Para facer un debuxo extraordinario é necesario ter técnica e moita paciencia (cousas que eu non teño para pintar). A min abúrreme pintar pero outras persoas( Sheila, Raquel, Oli, Nicolás, Carlos Senín) dedican horas para facer un debuxo.
De maior gustaríame ser
futbolista ou profesor. As dúas cousas son traballos difíciles pero, se me esforzo, creo que o conseguirei.
Como moitos de vós xa saberedes, eu, dende pequeno, sempre quixen ser mestre. Ese traballo téñoo na miña cabeza dende sempre, e xa, cando estaba en infantil o dicía pero, agora, xa teño máis traballos en mente.
Eses traballos son matemático, filólogo,
historiador e incluso político.
Matemático: a min, como todos
sabedes, encántanme as Matemáticas e por iso ese traballo encantaríame. É un
traballo novo para min xa que nunca antes reparara nel.
Filólogo: este traballo é completamente
oposto ao anterior. Antes, as materias de Lingua Galega e Lingua Castelá eran as
que menos me interesaban pero agora gústame o debate que se produce na clase cando
nos xorden as dúbidas sobre algún tema no que non estamos de acordo. Os
filólogos o que fan é debater sobre todos os temas relacionados coas palabras.
Historiador: gústanme as CCSS
pero gústame moito máis a Historia que a Xeografía. O problema é que eu penso que a carreira de Historia non ten
moita saída.
Político: este é o último
traballo da lista. Non é que me guste máis ou menos ca outro, simplemente é
porque coincidiu. Ata hai ben pouco nunca me interesara a política. O meu
interese comezou o ano pasado cando a política comezou a ser o único que saía
na tele, que se un partido novo, que se a corrupción … Eu aínda non tiña nin
idea de política e preguntáballe todo aos meus pais.
Non sei cando empezou, pero aproximadamente aos seis anos empecei a facerme moitas, moitas, MOITAS preguntas: Como se creou o Universo? Como funciona un “deja vue”? Que significa subconsciente? ...
Os meus pais, ao
non ser catedráticos, non me podían responder todas as preguntas, e outras como
a de que maneira se formou o universo,non as sabe responder ninguén. Eu quedaba
moi frustrada sempre, pero aos dous días xa nin me acordaba.
Pero había preguntas que non se
me quitaban da cabeza, as preguntas sobre o cerebro, os “deja vue”, o subconsciente, como reaccionamos en
diferentes situacións … Pois meus pais,
con oito anos, compráronme un libro de psicoloxía, e logo, cos programas de
psicoloxía e o ordenador quedei parva,
era todo moi raro e non me cabía na cabeza que iso puidera pasar.
A partir de
aí namoreime da psicoloxía, carreira que ansío con todas as miñas forzas.
A parte, unha das cousas que
máis me gusta é que tes que ter un vínculo moi especial co paciente, xa que el
ten que contarche cousas que pode que
aínda non llas contara a ninguén. Establecer esa relación, poder axudalo, e
saber o que lle pasa á xente, iso é marabilloso.
No hay comentarios:
Publicar un comentario