domingo, 29 de noviembre de 2015

Describindo o noso patio

Eu son Nicolás, e vouvos falar do sitio favorito de todos os rapaces do noso cole: o patio.

Para empezar direivos que ten de todo: campo de fútbol, areeiro, gradas...

A xente coma min, á que non nos gusta o fútbol (si,si, son un pouco raro), apáñase e, para non aburrirse, pasea, fala soa, pasea mentres fala soa, fala con alguén, séntase e pensa sobre a vida... 
Ou soamente pensa e escapa de toda a clase de 3º, (sen esaxerar, é toda, e para min non é un xogo, se te atrapan non te soltan, preguntádelle a Dani se non me credes). 
Outras veces, eu, máis outros coma min, inventámonos xogos aos que ao final todo o mundo quere xogar. Oli máis eu somos os especialistas da clase en inventar xogos; algúns dos máis famosos son "Guerra imaxinaria", "Invasión zombi" ou "Porkisumo".

Os de autobús somos os que mellor o pasamos porque é como se tiveramos “tres recreos” nun mesmo día xa que polas mañás, mentres non soa a sirena, non imos á clase e, á saída, podemos xogar ata que chega o bus.

Para rematar vou enumerar distintos espazos do patio e a dicir os xogos que facemos alí.

Areeiro: alí, no primeiro e terceiro recreo, sempre xogabamos ao “pilla alturita” ou a “guerra de landras”, ao que só se pode xogar no outono, sempre e cando non vexamos ningún neno pequeno por alí, (o xogo quedou clausurado despois dun accidente).

Bosque: ese é o lugar favorito da persoa que escribe isto. Alí pódese xogar á guerra de cóxegas ou á guerra de sustos (sempre é moi fácil predicir o perdedor, son moi sensible ás cóxegas).

Podería falar doutros moitos xogos que non teñen un sitio concreto para xogar a eles, pero son demasiados para contar aquí; levamos inventados arredor de corenta e cinco, son tantos que algúns xa os temos esquecidos.


Como queda aquí relatado... 

                 O noso patio mola mogollón!!!

Celebrando o San Martiño no CEIP San Martiño

O magosto é una festa que celebramos no noso colexio todos os anos, pero o deste curso foi moi especial para nós porque, como cada ano, o alumnado de 6º é o encargado da súa organización, e de que todo o mundo o pase ben ese día.

Os días  máis difíciles foron os previos á festa, xa que tivemos que sacrificar as nosas “amadas, gloriosas, sagradas...” clases de educación física para organizalo todo ben: repartímonos en grupos de 3, recollemos polas clases os materiais que cada curso trouxera da casa e preparámolo todo para os xogos.

E chegou o día do magosto. Tod@s estabamos moi nervios@s. As primeiras clases pasaron mooooi leeentamemte...
  
Beeen!!! 

Ao fin chegou a hora de baixar e dispoñelo todo para empezar!
Pouco a pouco, e sempre coa axuda da profe Remedios, a organizadora principal,os xogos ían tomando forma. Había xogos para todos os gustos: de resistencia, forza, velocidade e incluso puntería, pero sempre con diferentes niveis de dificultade para cada curso.

Antes de que baixara o resto do alumnado parecía que todo estaba baixo control, ata que, de repente, e como nunha desbandada,  apareceu un remuíño de nenos e nenas. Eran centos!!!  Tal parecía que o colexio ía a caer e que todo se nos descontrolaba. Tal era a fame que tiñan que cremos que nos ían comer!

Nestas estabamos cando a profe Remedios fixo soar o seu chifre e todos se puxeron organizadamente en filas por cursos. Seguindo o organigrama, cada grupo de 6º colleu o curso que lle correspondía, dende 4º de Infantil ata 5º de primaria. 
Empezaba a festa do magosto!!!
O primeiro que tiñamos que facer en cada grupo era explicarlles en que consistía o xogo e as normas... pero nin caso, coma se non existiramos!
A medida que ía pasando a mañá, iamos collendo máis soltura e sentiamos que nos entendían mellor. O certo é que cada vez estabamos máis cans@s, e máis, e máis... Estabamos tan ocupad@s nos xogos que non nos decatamos do cansazo ata rematar. 

Cando soou o timbre que puxo fin á faena, todos caemos ó chan. A profe Mercedes ensinounos orgullosa as fotos que nos tirou xogando, e, antes de subir ás clases, todo o colexio nos fixo unha ovación.

Despois que nos quedamos sos no patio para recoller, a profe Lola ofreceunos unha caixa chea de castañas, e algúns, non imos dicir nomes, repetiron máis das veces que podemos contar.



Pasámolo moi ben pero... 
                                          non vos imos mentir...
                                                                               sufrimos moito!!!!!!!!!!
  

miércoles, 11 de noviembre de 2015

Empezamos


E por onde empezamos? Pois por como ten que ser, por presentarnos.

Somos @s alumn@s do último ciclo do CEIP San Martiño. Si, xa sabemos que agora, coa LOMCE, non hai ciclos, somos cursos, quinto e sexto para ser exactos. Pero o certo é que, como queira que lle chamen, nós estamos acabando un ciclo, un ciclo que nos prepara para comezar una nova etapa nas nosas vidas. 

Metidos xa de cheo no curso, e para algúns, a pouco de deixar atrás a primaria, empezamos coa ilusión de ir deixando neste blog tantas cousas que a diario desexamos compartir. Son aqueles pratos que foron cociñados a lume lento, ao longo de todos estes anos , e que agora vos invitamos a saborear: textos, ilustracións, presentacións, traballos de investigación… 



E que nome nos pode identificar? Pois, por exemplo, un que recolla a nosa forma de traballar. Aquí vola deixamos:


XUNTANDO PEZAS 

 Xunto aos traballos no cole, 
o seu seguimento nas casas; 
xunto aos conflitos que xorden, 
as palabras que sandan; 
xunto aos soños que nos moven
a forza da esperanza; 
xunto ao traballo de tod@s, 
o seu reflexo na alma.