sábado, 19 de noviembre de 2016

Cristina

Cristina Caracol Contento

Cristina foi a nosa profesora substituta mentres a profe Carmen estaba en Escocia.
Nós, ou polo menos eu, pensaba que ían ser as tres peores semanas neste colexio pero, por outro lado, sentía curiosidade por coñecela.

Aquel luns, todos con nervios por coñecela, entramos na clase observando ao noso arredor... e nada, nin unha soa mosca na nosa solitaria clase.

E  case sen que nos deramos de conta, a directora estaba entrando pola porta para presentarnos a Cristina, (nós nunca a viramos antes, só sabiamos iso, que se chamaba Cristina).
Entrou na clase seria coma unha pedra. Cando a directora marchou, abriu un sorriso de orella a orella, como se estivese superentusiasmada por coñecernos.

Cando chegou non sabía como ía ser, pero sí sabía que cando marchara non sería a única persoa que a ía botar de menos. Era amable e alegre pero cando se enfadaba había que poñerse serio porque, nisto, non se andaba con xogos.


Pasou o tempo e cada vez caíanos mellor. Se ao final da hora nos portabamos ben faciamos distintos xogos. O primeiro que fixemos era para coñecernos. Consistía en dicir o noso nome, o nome dun animal que empezara coa primeira letra do noso nome e un adxectivo que tamén empezara por esa letra. Ela púxose Cristina Caracol Contento.


Vinte e tantos anos, alta e guapa, delgada, de cabelo louro, simpática, creativa e divertida... sempre cun xogo na mente. O seu rostro víase amable e a expresión das súas mans era suave coma unha brisa de verán. Da súa boca brotaba sabiduría e a súa forma de ensinar era estrita e ordenada. Explicaba moi ben e para estudar facilitábanos as cousas. Non só iso, cada día intentaba que melloraramos o noso comportamento.

Outro detalle, cada día facía máis de oitenta quilómetros para vir ao noso colexio.

Cando marchou deunos moita pena porque ao final disfrutamos moito e pasámolo xenial.


texto colectivo 6º




sábado, 24 de septiembre de 2016

Reunión de inicio de curso


O día que todo cambiou

Un sorriso foi tamén o que conseguíu sacarnos Raquel ao día seguinte da reunión coas familias. Encántanos como relata o cambio que experimenta pasando da decepción ao convencemento de que, coa axuda da súa nai, todo vai ser mellor para ela.

Todo comezou despois da ``gran´´ reunión. Era de noite, pero unha noite escura coma nunca. E eu, coma sempre, estaba na cama coa “maquinita”. Entroume o sono, entón apaguei a maquinita, e cando estaba dispoñéndome a apagar a luz, entrou unha persoa que non acostuma a entrar á miña habitación de noite: a miña nai, que o que fixo foi mirarme cun gran sorriso. 

Entón  pregunteulle que pasaba. E sabedes que pasou? pois que a miña nai díxome .....
-Cousas da túa mestra e máis miñas... E sen máis, levouse a miña maquinita e o móbil.


Desde ese momento descubrín que a miña nai prestara moita atención na reunión e que, ao día seguinte eu lle berregaría (1) á mestra. Pero tamén llo agradecería, porque a miña vida mellorou, porque agora só tería 20 minutos con ordenador, móbil, etc.  E que tería internet, e xogaría máis tempo fóra ca dentro da casa.

                                                      Raquel


(1)   berregaría: palabra utilizada para expresar a intención de ter unha charla coa mestra para darlle as queixas pola perda de confianza nela experimentada pola súa nai despois da reunión. 

viernes, 16 de septiembre de 2016

EMPEZAMOS O CURSO!

E para empezalo ben, que mellor que contar as emocións previas á chegada desa mañá.

UN PRIMEIRO DÍA DE ESCOLA MOI ESPECIAL

Como todos sabemos, e cando digo todos refírome a nais, pais e nenos, que os nervios de principio de curso son malos conselleiros.
Pois eu, ás  sete e media, un día antes de que empezara a escola, estaba coma unha moto: correndo, brincando, pensando no día seguinte … e volta a correr e a brincar. Xa vos dixen, coma unha moto.
Cando acabei de cear e me metín na cama non podía cos nervios, que se volta para aquí,  que se volta para alá. Ben, ao final  quedei durmido ás once e media.
Ao día seguinte levanteime, vestinme, almorcei e ZÁS! Acordeime de que era o primeiro día de escola! Rapidamente terminei de preparar a mochila, púxenme os zapatos e saín da casa coma un raio.
                            

Ao chegar ao colexio encontreime con todos os meus amigos e empezamos a falar das nosas vacacións. Nun momento tocou o timbre e alí nas escaleiras dixéronnos quen ía ser o noso profesor. O noso curso, 6º de primaria, foi o primeiro en subir.
Entramos e decatámonos de que todo estaba cambiado … e para mellor! Subimos á segunda planta e entramos á nosa nova clase. Na aula, as cadeiras tiñan postos os nosos nomes e fomos sentando.


Despois de estar falando un bo anaco de todas as cousas importantes dun primeiro día de cole, déronnos o notición: “cada ano, o alcalde visita un colexio para inaugurar o curso escolar, e este ano tocounos a nós, xusto cando estamos en sexto e somos os maiores!
Como a maioría de nós non o coñeciamos (algúns nin lle sabían o nome!), decidimos buscar información para preparar un pouco a visita … e foi xusto nese momento cando chegou a directora acompañada da profe Lola, o alcalde e uns fotógrafos.
Falamos e fixémoslle moitas preguntas, desde por que quixo ser alcalde, ata cantos anos tiña. Ademais contounos cousas como, por exemplo, que ía viaxar a Francia para presentar o proxecto de cidade de Pontevedra.



        
Foi moi divertido porque nunca tiveramos a oportunidade de falar cun alcalde tan detidamente. E logo,  non podía faltar, foto de grupo con el. Despois despediuse e marchou.Cando se foi, felicitáronnos polo noso comportamento.




No patio botamos un partido moi intenso, o meu equipo perdeu pero paseino ben.


En resumo, a todos nos dá tristeza dicirlle adeus ás vacacións, pero cremos que este pode ser o mellor curso da nosa experiencia no “San Martiño”.   
     
                                                      Recollido dos textos de Cibrán, Javier, Henrique e Sara


Entre os demais textos seleccionamos dous que nos gustaron especialmente. 

André describe ese primeiro día dunha forma tan pouco habitual como prometedora para o arranque deste último curso do seu paso polo colexio. 

Felicitamos a Laura pola súa descrición da noite anterior ao comezo das clases. Nunca nos imos esquecer das risas da profe Lola aquel día na hora de ler mentres escoitaba a Laura.



                                                                                                     
O primeiro día de curso

O primeiro día foi precioso, aínda que eu estaba un pouco nervioso. Xa ao pisar as escaleiras sentíame un neno novo. Pero o que máis me gustou foi reencontrarme cos meus compañeiros. O que menos me gustou deste primeiro día foi que Álex non viñese.

Cando chegamos á clase estivemos lendo as normas. Logo chegou Lores, o alcalde, e todos nos puxemos moi contentos. Despois puxémonos a facerlle moitiiiiiiiiisimas preguntas, ata que se marchou.

Un primeiro día precioso, o que digo, máis que precioso.
                                                                                                         André


O comezo das clases

O día anterior ao comezo das clases eu estaba suuuper nerviosa, tanto que non paraba de brincar.

Ás 7 chamoume Sara e díxome se quería ir a Pontevedra con ela e eu díxenlle claramente que si. Ao chegar empezamos a falar; o primeiro do que falamos foi do comezo das clases.

Ás 9 veu buscarme a miña nai. Ao chegar ducheime e preparei a mochila, ceei e metinme na cama. Cando por fin me estaba quedando durmida acordeime de que non tiña case roupa, xa que estábase lavando, e ademais, eu tardo un pouco en elixir a roupa, así que... pechei a porta, acendín a luz e empecei a coller roupa do armario.
Cando me din conta baleirara o armario enteiro. 

De súpeto escoitei uns pasos, eu sabía que era miña nai que viña a ver se estaba durmida, así que empecei a facer bolas de roupa e a metelas no armario, abrín a porta e deixeina arrimada, apaguei as luces e metinme na cama. A miña nai entrou e pensou que estaba durmida, saíu e arrimou a porta.

Cando me estaba quedando durmida outra vez, alguén me mandou unha mensaxe, era unha amiga que me puxera: "Sorte mañá no colexio JAJAJA". Empezamos a falar e despois decidín durmir.

Ao día seguinte levanteime moooi durmida, tanto que ao
saír da habitación dinme na cara coa porta, e iso creo que foi o que me espertou. Vestinme, almorcei e saín pola porta pero... esta vez sen darme!

Ao chegar vin as miñas amigas e comezamos a falar. Despois tocou o timbre e chamáronnos a nós de primeiros xa que... eramos de sexto! Eramos... os maiores!!! Ha,ha,ha!... ZASCA!!!

Entramos e estaba todo cambiado… e para mellor!

Ao chegar á clase sentámonos e a nosa profesora contounos que iamos ter unha visita, a visita era do alcalde. Cando nolo contou, toda a clase empezou a falar sobre iso, ata que nos mandaron calar.

Despois dun pouco petaron na porta e empezaron a entrar periodistas, a directora… e entre eles o alcalde. Fixémoslle moitas preguntas e el tamén a nós.

En resumo, o meu primeiro día de colexio gustoume moitiiiisimo.
                                                                       Laura




lunes, 11 de julio de 2016

Participando no II Concurso Literario Salcedoteca

Este relato de Andrés conseguiu o primeiro premio entre os seis finalistas que foron seleccionados. Parabéns para Andrés, esperamos que este premio sexa dos primeiros dunha longa lista.

E recordade que para poder ganar o primeiro é participar.


UNHA HISTORIA DIFERENTE


Todo comezou na base do C.S.M.M.M. (Club Secreto dos Malos Malísimos da Morte). Neste club, estaban todos os malos de películas, series, libros, cómics... en fin, xa me entendedes, TODOS, dende os máis coñecidos (Darth Vader ou Maléfica) ata os menos coñecidos (Rei Xeo ou Mandrake). O club, fora creado había moitísimo anos, co fin de dominar o mundo..... e todo iso que queren os malos. Pero, estaba claro, que ese, non era o seu único fin, tamén querían vinganza.
A base secreta estaba..... non sei, era secreta. Pero nela, discutían todo tipo de temas como por exemplo: novos ataques ou misións, novos membros do club... Pero o tema máis discutido, sen dúbida algunha, era, o de quen  debería ser o xefe, algúns, dicían que debería ser Maléfica, xa que fora a creadora do club, pero outros, opinaban que debería ser malo máis forte; Darth Vader, o lobo de Carapuchiña ou outros máis. Pasábanse todo o día discutindo, mellor dito, toda a noite, que era cando traballaban mellor, e perdían moitísimo tempo que podían aproveitar para atacar algunhas zonas.









Eh... ben, se hai un ``Club dos Malos´´, por que non un dos bos? Preséntovos o C.B.N.S.G. (Club dos Bos Non tan Secreto como lles Gustaría). E... é obvio, neste club, estaban todos os bos de series, películas...BLA, BLA, BLA.... Xusto o que dixen antes, pero nos bos. Este club creárase despois de que A Bela durminte espertase. Ó principio, non tiñan ningún fin nin nada diso, pero cando comezaron a recibir novos ataques, puxeron de obxectivo, derrotar ós seus inimigos dunha vez por todas.
Estes tamén tiñan unha base ``SEGRETA´´ aínda que... non era tan secreta, todo o mundo sabía onde estaba. Nesta base tamén discutían temas variados pero estes, non deliberaban o do xefe nin nada diso. O club, estaba liderado pola Fada Madriña, e ninguén, o quería contradicir.


















Ben,  basta de presentacións e que comece a historia de verdade:
Maléfica, estaba que metía medo, e os seus cómplices... tamén. Acababan de perder unha batalla, e a Fada Madriña (Coñecida no club como Madri), conseguira un territorio amado por Maléfica: O seu bosque encantado, e, coma se se tratase do seu propio castelo, Maléfica, quería recuperalo. Así que encargoulle a Darth Vader o traballo de reconquistalo.
Era un traballo moi difícil xa que, o exército que conseguira o bosque encantado, era, nin máis nin menos, que, o de Luke Skywalker: o seu inimigo supremo. Pero Vader, non se rendeu, loitou nun cara a cara con Luke e... perdeu!! Xa vos imaxinaredes o castigo que lle caeu: el e seu exército, foron os encargados de sacar brillo ás armas dos demais exércitos do club durante tres meses!
Esa mesma noite, celebrouse unha festa en honor a Luke, organizada por Madri. Na festa, houbo de todo, comida, bebida e incluso un mago e un pallaso. Pero o que non sabían era que Maléfica non se rendera: Mandara a Mandrake á festa, coa misión de estropeala. O seu exército foi para alí pero... será mellor que non o conte porque, perdeu: batalla por aquí, pelexa por alí pero... nada. Unha derrota tremenda.
Por iso, Maléfica, púxose máis furiosa aínda. Nas seguintes sesións de reunión do club, so pensaba en facer unha nova batalla, pero esta vez, non sería unha calquera: PARTICIPARÍA TODO O CLUB!! Dende os máis fortes, aos máis débiles; dende os máis grandes, ata os máis pequenos.
Pasáronse meses e meses organizando o plan perfecto. E por fin chegou o día: o  solsticio de inverno. Era a noite máis longa do ano e así, tiñan máis tempo para atacar. O día, transcorreu coma outro calquera; Maléfica xa estaba case preparada.
Os últimos meses estivera recrutando a outros “xenios do mal” para "A gran batalla" e despois de recrutar a todos os que puido, formaran exércitos tan amplos coma campos de fútbol cos que, máis tarde, tiñan pensado vencer ó club inimigo.
Todo estaba listo; o plan, os exércitos e incluso a hora e o lugar exacto da batalla; realizaríase nas portas da sede do club dos bos.
Ese día, segundo lle dixera un espía a Maléfica, realizaríase unha reunión no club e remataría coa posta de Sol. Maléfica, decidira atacar a esa hora porque, na reunión, ninguén ía levar armas (ou iso cría ela) e por iso o máis probable era que eles ganasen.
Eh... ben, como xa dixen antes, os bos tiñan unha reunión. Nesa reunión, falaran un montón de temas, incluso discutiran a que colexio ía ir a filla de Brancaneves ou sexa que, imaxinádevos.
Quero engadir que, o plan de Maléfica era malísimo. Como xa se demostrara en batallas anteriores, hai certos exércitos que, ante os da Fada Madriña, non poden ganar. Quero dicir, o exército de Darth Vader, nunca vai gañar ao de Luke Skywalker e, Cruella Devil, nunca ganará aos 101 Dálmatas. Pero, niso, non reparara Maléfica e por iso no seu plan, todo ía ser coma sempre:
Lobo vs. Carapuchiña e os 3 porquiños, Sombra vs. Sandy, Jack, Fada dos Dentes e Santa Claus.... o de sempre.
Era un plan nefasto e que non tiña nin sentido nin saída, era unha táctica malísima.
.....................................................................................................................................................
E por fin a batalla comezou, xa rematara a reunión “sen armas” e todos os “malos”, estaban xa esperando na porta da Base “Secreta”.
Nada máis saír da reunión, todos os participantes, pararan a recoller os seus abrigos, a coller os seus bolsos, o seu material da reunión e, claro está, as súas armas. Saíron pola porta principal e...... alí estaban, todos os exércitos de Maléfica ao completo.
Aínda que lles pillou por sorpresa, souberon reaccionar e nuns segundos, xa estaban todos listos para atacar; A Fada Madriña; coa súa variña, Luke Skywalker; coas súas espadas, e o resto dos exércitos, coas súas propias armas.
Para Maléfica, foi un golpe duro xa que, ela non esperaba que tivesen alí todo preparado e, sen dubidalo nin un segundo, púxose na defensiva.
─Atacade todos á vez, non vos botedes atrás. Pensade que é polo noso ben. ─ Dicía Maléfica.
Xa postos en plena batalla, A Fada Madriña, comezou a gritar:
─Cubride por alí. Atacade por alí ─ Explicaba ─ Cando chegan os reforzos?
Despois da pequena sorpresa, A Fada Madriña pedira reforzos, na reunión estaban todos os integrantes do club pero non estaban os seus exércitos.
Tras 30 minutos de espera, por fin chegaran os exércitos. O de Luke Skywalker, foi o primeiro en chegar e polo tanto, o de Darth Vader, foi o primeiro en caer. De feito, antes de que todos os exércitos chegaran, o de Vader xa non estaba en pé.
Todas as batallas estiveron bastante axustadas pero, pouco a pouco, o exército de Madri, foi ganando terreo; Mandrake caeu, O Lobo tamén e Sombra seguiu o mesmo camiño.
Apenas quedaban xa exércitos cando Maléfica se decatou do erro do que falabamos antes. Xa era moi tarde pero aínda así, tentou arranxalo modificando os seus exércitos.
O que fixo foi mesturar soldados de todos os exércitos de forma que, compañeiros do Rei Xeo e de Maléfica (por exemplo) estaban mesturados.
Ao principio, a táctica, non deu resultado pero, ao cabo dun tempo, comezábanse a notar os efectos.
Derrotaran xa a varios exércitos inimigos e, ao final quedaron no bando “malo” o exército de Maléfica, e no “bo” o de Madri.
Todo apuntaba a que Madri ía saír ganando pero, un golpe de sorte caeulle a Maléfica coma se fose do ceo (en realidade, viu do ceo en sentido literal pero da igual); resultou que, apareceu voando, rodeado do seu exército de sheks, Ashram o nigromante.
A este chegáralle unha invitación para unirse á gran batalla pero, como estaba moi lonxe da súa casa, tivo que viaxar durante semanas. Ao ver que estaban en plena batalla, decidiu unirse aínda que chegaba con retraso.
Ashram, foi a sorte caída do ceo de Maléfica que, aproveitando a cara de asombro de Madri, atacou e, ao ser de improviso, cun so xesto da man, Ashram derribou á Fada Madriña.
Os seus exércitos, ao ver a súa xefa caer, rendéronse, ou outros, simplemente correron asustados.
Ata aquí chega a miña historia que, agora xa rematada, espero que entendades o título.

                                                                                                    Un homiño diferente

De pintores e metas


Pequena introdución - sacada dos textos de Diego e Lucía -

Dons, profesores … Que teñen os artistas para facer o que fan?


Hai pouca xente verdadeiramente famosa mundialmente, e non son famosos porque si, eles teñen eses privilexios por dúas cousas  que todos coñecemos pero que non sempre poñemos en práctica: perseveranza e seguridade en si mesmos. Non son os dons, nin os profesores, porque, por moito que ti sexas o mellor do mundo pintando, se non practicas e non pos os cadros á venta non conseguirás nada; e por moito que o profesor tire de ti e te axude, se non cres en ti e non segues adiante cando hai obstáculos, non conseguirás as túas metas.


Un exemplo de perseveranza e seguridade en si mesmo é  Van Gogh. El vendeu moi poucos cadros pero, aínda que ninguén llos comprara, el seguía pintando.


Sen embargo, na actualidade, os museos fanlle xustiza xa que agora si que se lle recoñece a súa arte, pero non só a de pintar, senón a arte de perseverar por moito que todo saia mal, de seguir crendo en ti cando a xente cho nega, esa é a verdadeira arte de Van Gogh.


Van Gogh, un famoso pintor coñecido en todo o mundo, é o protagonista da lectura do tema 10 do noso libro de Lingua Castelá. Despois de ler esta preciosa lectura propuxéronnos que deramos a nosa opinión sobre o seu traballo e argumentaramos sobre a profesión que temos como obxectivo nun futuro cada día máis preto.


Todos, de pequenos, queriamos ser cantantes ou futbolistas, cousa que agora, a algúnhas, nin se nos imaxina.  Eu, pola miña parte, de pequena estaba obsesionada con ser cantante. Pero a nosa inxenuidade vai pasando e decatámonos de que hai moitos máis campos por recorrer.

Chegou o momento de deixar aquí as nosas cavilacións e os nosos soños… 

Sabes quen é quen?

 


Eu vou falar dun tema que me gusta moito e co que gozo compartindo cos demais.
A min, o de expresar as miñas ideas e os meus pensamentos a través do papel non é algo do que me poida sentir orgullosa pois non teño o talento que teñen algúns dos meus  compañeiros. En cambio, si que teño algo … algo que se pode chamar talento relacionado coa arte.

Seguro que algunha vez, algún de vós, e aínda que vos custe crelo, tamén eu, pensastes que os artistas non fan máis que pintar, esculpir …  Ao principio eu así o cría, pero agora, dende hai un tempo, decateime de que estaba totalmente equivocada pois os artistas: pintores, escultores, oleiros,  e incluso algúns inventores, teñen un importante papel na historia e na sociedade pois enchen o mundo  coas súas obras e fan deste mundo un lugar moito máis alegre e vivo. É o caso, por exemplo, de Van Gogh que, a pesar das dificultades e os problemas foi superando a maior parte deles.




Van Gogh é, ou máis ben era, un pintor ao que lle encantaba pintar porque os seus cadros saían do seu corazón. O problema era que se frustraba moito pois ninguén compraba os seus cadros. Hai que loitar polo que che gusta, porque foi a esperanza de Van Gogh a que venceu á súa frustración.

Agora imos co meu futuro. Ao principio quería ser bombeiro, porque si;  despois profe, porque molaba; logo debuxante, porque, para a miña idade, debuxaba ben; máis  adiante algo relacionado con consolas e videoxogos, porque me encaaaaaaaantaaaaaaaaaaaaaannnnn! E tamén escritor, porque tamén me encanta.

Agora non sei se ser psicólogo e filósofo. O de filósofo vén dende este sábado, cando o meu curmán maior, de 22 anos, empezou a dicir cousas que cambiarían a miña perspectiva deste mundo.

Este mundo aínda ten demasiados secretos.     




Eu, na miña opinión, de todos os traballos que hai, pintor sería unha das cousas que nin sequera tería en conta pois  ten unha complicación que só algúns traballos teñen: a inspiración.

A inspiración neste traballo é imprescindible; un cadro sen inspiración é como unha habitación sen libros, que ven sendo o mesmo ca un corpo sen alma. Ademais, a inspiración só che vén nalgúns momentos e, entonces, é moi complicado facer un cadro calquera día, a calquera hora ou en calquera sitio. Os cadros deben facerse cando esteas relaxado, tranquilo e, sobre todo, con ganas de pintar. 

Eu non sería pintor pero si teño unha profesión en mente: traumatólogo.
Esta idea venme dende hai pouco, de feito creo que foi hai xusto unha semana. O caso é que estaba vendo unha serie de televisión de medicina (Centro Médico, si, efectivamente, son así de divertido), e a miña tía, que é farmacéutica, preguntoume se quería ser médico. Eu díxenlle que non, e que polo de agora non tiña nada decidido e que prefería esperar un pouco máis para tomar unha decisión. Así que a cousa quedou aí. Pero despois, no programa, mencionaron o nome dunha enfermidade que, curiosamente a miña tía, sendo farmacéutica, non coñecía, entonces eu expliqueillo. E aí, a miña tía quedou alucinada, e preguntoume por que non quería ser médico ou algo parecido. Entonces, eu díxenlle que eu son unha persoa que se ve un corte pequeniño xa se desmaia. E foi aí cando me soltou a clave:

- ... pero non todos os médicos se dedican a ver roturas, inflamacións, feridas, cortes …  

E despois diso, funme preguntando, por descarte, se algúns dos tipos de médico que ela me dicía me gustaban para poder selo eu. E foi así como descubrín o que me gustaría ter de profesión.




Van Gogh, un pintor que, a pesar de que é moi famoso, eu apenas coñezo algo da súa vida. 

Unha pregunta que moitos nos formulamos é: foille fácil a Van Gogh converterse no que foi? Puido non selo pois a vida, naquela época, non era tan doada como agora. Ademais, a súa xuventude, segundo conta el, foi triste, fría e estéril, e, ao mellor, iso non lle axudou, ou quizá si … Non o sei con certeza.

Non sei moito de Van Gogh pero podería dicir que tamén lle puido ser fácil xa que se un é afeccionado á pintura como era el e quere facer as súas propias pinturas, pode conseguilo, pois seguramente foi todo ese entusiasmo e ganas de poñer nun lenzo as súas emocións o que o levou a crear obras tan magníficas como as que agora se poden atopar no Museo Van Gogh.

A pesar de que a min tamén me encanta debuxar, non creo que me dedique a iso no futuro. Eu soño con chegar a ser unha boa informática; tería que estudar moito sobre  ordenadores e sobre distintos métodos de deseños de páxinas web, iso depende da categoría que escolla dentro da informática. Tamén pensei en ser “youtuber”, para iso só tería que saber manexar un pouco máis youtube e os diferentes programas que se utilizan para poder subir un vídeo en boas condicións. 

Non sei se o conseguirei  pero, se me esforzo, poderei facer realidade o meu soño, ou ao menos iso din todos …




A min, de maior, gustaríame ser informático pero, para iso, necesitaría un ordenador, unha pantalla,  etc. Sei que é bastante difícil pero, aínda así, hai que esforzarse en conseguilo. 

Tamén me gustaría ser arquitecto pero, para poder selo, necesitaría, principalmente, que a crise se tomase unhas vacacións. 




Non digo que para Van Gogh fose fácil vivir de pintor porque conseguir que unha persoa descubra os teus cadros e que lle gusten, é un pouco complicado. Pero cando, por fin,  alguén  te descobre e lle gustan os teus cadros, é como se volveras a nacer.

 Eu, de maior, non sei o que querería ser, pero se me dan a opción de pagarme facendo o que máis quero, sería o home máis feliz do mundo. 




De Vincent Van Gogh sei que é pintor e que pintou “A noite estrelada”, un cadro bastante famoso. 

Iso si, sei que seguro lle custou chegar a ser pintor, que tería que traballar moito e que tería que ter moito tempo para poder pintar.

Eu, de maior, aínda non sei que facer … gústanme tantas cousas! O que é seguro é que terei que traballar.




Igual que Van Gogh conseguiu facerse un pintor famoso, eu tamén querería ter un bo traballo pero polo de agora non teño pensado ningún.

Pero o que si sei é que vou a telo, debo telo e tereino,  pois non hai cousa que non se poida conseguir con virtudes e, sobre todo, con amabilidade.




O mellor é dedicarte a algo que che guste porque mentres que realizas ese traballo, sénteste ben.  Por iso eu quero ser médica. Por suposto esa meta que me propuxen aínda non está ao meu alcance (de momento), pero tampouco o vexo imposible. O que teño que facer é, sen lugar a dúbidas, estudar. 

Pero hai outra cousa que é igual de importante: saber escoitar e poder comprender ás persoas, sen que falte nunca a amabilidade e o respecto ao paciente.


  

O que eu quero, dende pequeniño, é ser futbolista, e, sobre todo, encantaríame xogar no meu club favorito: o Real Madrid FC. Isto non é tan doado, xa que tes que saber moito sobre os músculos e dos ósos polo tema das lesións … etc. A parte, tes que ter en conta que aos corenta anos tes que retirarte, iso implica ter que estudar  unha carreira para poder seguir adiante na túa vida.  

A carreira  que,  por estes dous motivos (que non conseguise ser futbolista ou, no caso de que  o conseguise, para cando me retirase) decidiría estudar, de momento, sería INEF (Instituto Nacional de Educación Física). As razóns son:
Porque me encanta o deporte
Porque con esta carreira tería un montón de saídas
Porque tería máis oportunidades de cumprir o meu soño xa que tería máis coñecementos sobre o tema das lesións e como estar en boa forma.

Isto é ao que eu quixera dedicarme pero … que terei que facer para conseguilo? Para conseguilo, o que terei que facer será esforzarme nos meus estudos para que, cando chegue o momento de ir á universidade, poder escoller a carreira que me guste e así ser feliz.




Eu, de maior, quero ser médico, na especialidade de alergoloxía e, no caso de non poder selo ou cambiar de idea, estou case seguro que elixirei unha profesión relacionada coa investigación: arqueólogo, historiador, científico … Ou, de forma excepcional, como non, policía. 

E para rematar déixovos unha frase de Ramana Maharshi:

 “ Ninguén ten éxito sen esforzo … Os que teñen éxito deben o seu éxito á perseveranza ”.




Cando eu era pequeno encantábame a idea de chegar a ser policía nacional porque ese é o traballo de meu pai. Pero agora penso que tamén me gustaría ser bombeiro, filósofo … Xa, xa sei que son moitos traballos pero aínda non estou moi seguro.




Eu quero ser mestra de Educación Infantil xa que me encantan os nenos pequenos. A parte  disto eu son unha persoa sentimental e gustaríame ter un traballo que me faga feliz.




A profesión de pintor paréceme moi bonita. Para facer un debuxo extraordinario é necesario ter técnica e moita paciencia (cousas que eu non teño para pintar).  A min abúrreme pintar pero outras persoas( Sheila, Raquel, Oli, Nicolás, Carlos Senín) dedican horas para facer un debuxo.


De maior gustaríame ser futbolista ou profesor. As dúas cousas son traballos difíciles  pero, se me esforzo,  creo que o conseguirei.




Como moitos de vós xa saberedes, eu, dende pequeno, sempre quixen ser mestre. Ese traballo téñoo na miña cabeza dende sempre, e xa, cando estaba en infantil o dicía pero, agora, xa teño máis traballos en mente. 

Eses traballos son matemático, filólogo, historiador e incluso político.

Matemático: a min, como todos sabedes, encántanme as Matemáticas e por iso ese traballo encantaríame. É un traballo novo para min xa que nunca antes reparara nel.

Filólogo: este traballo é completamente oposto ao anterior. Antes, as materias de Lingua Galega e Lingua Castelá eran as que menos me interesaban pero agora gústame o debate que se produce na clase cando nos xorden as dúbidas sobre algún tema no que non estamos de acordo. Os filólogos o que fan é debater sobre todos os temas relacionados coas palabras.

Historiador: gústanme as CCSS pero gústame moito máis a Historia que a Xeografía. O problema é que  eu penso que a carreira de Historia non ten moita saída.

Político: este é o último traballo da lista. Non é que me guste máis ou menos ca outro, simplemente é porque coincidiu. Ata hai ben pouco nunca me interesara a política. O meu interese comezou o ano pasado cando a política comezou a ser o único que saía na tele, que se un partido novo, que se a corrupción … Eu aínda non tiña nin idea de política e preguntáballe todo aos meus pais.


  

Non sei cando empezou, pero aproximadamente aos seis anos empecei a facerme moitas, moitas, MOITAS preguntas:  Como se creou o Universo? Como funciona un “deja vue”? Que significa subconsciente? ... 

Os meus pais, ao non ser catedráticos, non me podían responder todas as preguntas, e outras como a de que maneira se formou o universo,non as sabe responder ninguén. Eu quedaba moi frustrada sempre, pero aos dous días xa nin me acordaba.

Pero había preguntas que non se me quitaban da cabeza, as preguntas sobre o cerebro, os “deja vue”,  o subconsciente, como reaccionamos en diferentes situacións …  Pois meus pais, con oito anos, compráronme un libro de psicoloxía, e logo, cos programas de psicoloxía e o ordenador quedei  parva, era todo moi raro e non me cabía na cabeza que iso puidera pasar. 

A partir de aí namoreime da psicoloxía, carreira que ansío con todas as miñas forzas.

A parte, unha das cousas que máis me gusta é que tes que ter un vínculo moi especial co paciente, xa que el ten que contarche cousas que pode  que aínda non llas contara a ninguén. Establecer esa relación, poder axudalo, e saber o que lle pasa á xente, iso é marabilloso.