sábado, 24 de septiembre de 2016

Reunión de inicio de curso


O día que todo cambiou

Un sorriso foi tamén o que conseguíu sacarnos Raquel ao día seguinte da reunión coas familias. Encántanos como relata o cambio que experimenta pasando da decepción ao convencemento de que, coa axuda da súa nai, todo vai ser mellor para ela.

Todo comezou despois da ``gran´´ reunión. Era de noite, pero unha noite escura coma nunca. E eu, coma sempre, estaba na cama coa “maquinita”. Entroume o sono, entón apaguei a maquinita, e cando estaba dispoñéndome a apagar a luz, entrou unha persoa que non acostuma a entrar á miña habitación de noite: a miña nai, que o que fixo foi mirarme cun gran sorriso. 

Entón  pregunteulle que pasaba. E sabedes que pasou? pois que a miña nai díxome .....
-Cousas da túa mestra e máis miñas... E sen máis, levouse a miña maquinita e o móbil.


Desde ese momento descubrín que a miña nai prestara moita atención na reunión e que, ao día seguinte eu lle berregaría (1) á mestra. Pero tamén llo agradecería, porque a miña vida mellorou, porque agora só tería 20 minutos con ordenador, móbil, etc.  E que tería internet, e xogaría máis tempo fóra ca dentro da casa.

                                                      Raquel


(1)   berregaría: palabra utilizada para expresar a intención de ter unha charla coa mestra para darlle as queixas pola perda de confianza nela experimentada pola súa nai despois da reunión. 

viernes, 16 de septiembre de 2016

EMPEZAMOS O CURSO!

E para empezalo ben, que mellor que contar as emocións previas á chegada desa mañá.

UN PRIMEIRO DÍA DE ESCOLA MOI ESPECIAL

Como todos sabemos, e cando digo todos refírome a nais, pais e nenos, que os nervios de principio de curso son malos conselleiros.
Pois eu, ás  sete e media, un día antes de que empezara a escola, estaba coma unha moto: correndo, brincando, pensando no día seguinte … e volta a correr e a brincar. Xa vos dixen, coma unha moto.
Cando acabei de cear e me metín na cama non podía cos nervios, que se volta para aquí,  que se volta para alá. Ben, ao final  quedei durmido ás once e media.
Ao día seguinte levanteime, vestinme, almorcei e ZÁS! Acordeime de que era o primeiro día de escola! Rapidamente terminei de preparar a mochila, púxenme os zapatos e saín da casa coma un raio.
                            

Ao chegar ao colexio encontreime con todos os meus amigos e empezamos a falar das nosas vacacións. Nun momento tocou o timbre e alí nas escaleiras dixéronnos quen ía ser o noso profesor. O noso curso, 6º de primaria, foi o primeiro en subir.
Entramos e decatámonos de que todo estaba cambiado … e para mellor! Subimos á segunda planta e entramos á nosa nova clase. Na aula, as cadeiras tiñan postos os nosos nomes e fomos sentando.


Despois de estar falando un bo anaco de todas as cousas importantes dun primeiro día de cole, déronnos o notición: “cada ano, o alcalde visita un colexio para inaugurar o curso escolar, e este ano tocounos a nós, xusto cando estamos en sexto e somos os maiores!
Como a maioría de nós non o coñeciamos (algúns nin lle sabían o nome!), decidimos buscar información para preparar un pouco a visita … e foi xusto nese momento cando chegou a directora acompañada da profe Lola, o alcalde e uns fotógrafos.
Falamos e fixémoslle moitas preguntas, desde por que quixo ser alcalde, ata cantos anos tiña. Ademais contounos cousas como, por exemplo, que ía viaxar a Francia para presentar o proxecto de cidade de Pontevedra.



        
Foi moi divertido porque nunca tiveramos a oportunidade de falar cun alcalde tan detidamente. E logo,  non podía faltar, foto de grupo con el. Despois despediuse e marchou.Cando se foi, felicitáronnos polo noso comportamento.




No patio botamos un partido moi intenso, o meu equipo perdeu pero paseino ben.


En resumo, a todos nos dá tristeza dicirlle adeus ás vacacións, pero cremos que este pode ser o mellor curso da nosa experiencia no “San Martiño”.   
     
                                                      Recollido dos textos de Cibrán, Javier, Henrique e Sara


Entre os demais textos seleccionamos dous que nos gustaron especialmente. 

André describe ese primeiro día dunha forma tan pouco habitual como prometedora para o arranque deste último curso do seu paso polo colexio. 

Felicitamos a Laura pola súa descrición da noite anterior ao comezo das clases. Nunca nos imos esquecer das risas da profe Lola aquel día na hora de ler mentres escoitaba a Laura.



                                                                                                     
O primeiro día de curso

O primeiro día foi precioso, aínda que eu estaba un pouco nervioso. Xa ao pisar as escaleiras sentíame un neno novo. Pero o que máis me gustou foi reencontrarme cos meus compañeiros. O que menos me gustou deste primeiro día foi que Álex non viñese.

Cando chegamos á clase estivemos lendo as normas. Logo chegou Lores, o alcalde, e todos nos puxemos moi contentos. Despois puxémonos a facerlle moitiiiiiiiiisimas preguntas, ata que se marchou.

Un primeiro día precioso, o que digo, máis que precioso.
                                                                                                         André


O comezo das clases

O día anterior ao comezo das clases eu estaba suuuper nerviosa, tanto que non paraba de brincar.

Ás 7 chamoume Sara e díxome se quería ir a Pontevedra con ela e eu díxenlle claramente que si. Ao chegar empezamos a falar; o primeiro do que falamos foi do comezo das clases.

Ás 9 veu buscarme a miña nai. Ao chegar ducheime e preparei a mochila, ceei e metinme na cama. Cando por fin me estaba quedando durmida acordeime de que non tiña case roupa, xa que estábase lavando, e ademais, eu tardo un pouco en elixir a roupa, así que... pechei a porta, acendín a luz e empecei a coller roupa do armario.
Cando me din conta baleirara o armario enteiro. 

De súpeto escoitei uns pasos, eu sabía que era miña nai que viña a ver se estaba durmida, así que empecei a facer bolas de roupa e a metelas no armario, abrín a porta e deixeina arrimada, apaguei as luces e metinme na cama. A miña nai entrou e pensou que estaba durmida, saíu e arrimou a porta.

Cando me estaba quedando durmida outra vez, alguén me mandou unha mensaxe, era unha amiga que me puxera: "Sorte mañá no colexio JAJAJA". Empezamos a falar e despois decidín durmir.

Ao día seguinte levanteime moooi durmida, tanto que ao
saír da habitación dinme na cara coa porta, e iso creo que foi o que me espertou. Vestinme, almorcei e saín pola porta pero... esta vez sen darme!

Ao chegar vin as miñas amigas e comezamos a falar. Despois tocou o timbre e chamáronnos a nós de primeiros xa que... eramos de sexto! Eramos... os maiores!!! Ha,ha,ha!... ZASCA!!!

Entramos e estaba todo cambiado… e para mellor!

Ao chegar á clase sentámonos e a nosa profesora contounos que iamos ter unha visita, a visita era do alcalde. Cando nolo contou, toda a clase empezou a falar sobre iso, ata que nos mandaron calar.

Despois dun pouco petaron na porta e empezaron a entrar periodistas, a directora… e entre eles o alcalde. Fixémoslle moitas preguntas e el tamén a nós.

En resumo, o meu primeiro día de colexio gustoume moitiiiisimo.
                                                                       Laura